Carlos Casares visto por Xabier P. DoCampo

Carlos Casares

Neste ano, que é especial para a súa lembranza, moita xente me pregunta se coñecín a Carlos Casares. Si, coñecino e tiven bo trato con el. Podería escribir disto, pero os escritores deixan un rastro moito máis importante que aquel que marcan no tempo as súas persoas. É o ronsel das súas obras o que permanece, porque elas seguen a nos engrandecer aos lectores e lectoras máis aló da desaparición da persoa que as escribiu.

Carlos CasaresEu tomei contacto con Carlos Casares cando dei, en 1968, cun seu libro de relatos que foi moi importante na miña vida, trátase de Vento ferido (1967) do que teño agora mesmo na man o meu exemplar da súa primeira edición. Este conxunto de contos significa moito na miña vida como lector. Eu era, e aínda o son, un voraz lector que lía canto caía nas miñas mans, cando dou con este conxunto de contos podo encontrar fíos que atan a literatura galega, aínda levemente, xaora, coas miñas lecturas dos autores europeos do momento e americanos anteriores. Hai en Vento ferido unha presenza da infancia como tema literario, do neno como observador da realidade que sucede diante del, que me fai acreditar na nosa literatura como algo tan universal e moderno coma o que leo en castelán e, con moito esforzo, en francés naquel tempo. Pero esta idea vaise reforzar coa aparición de Cambio en tres (1969) (aquí teño tamén a primeira edición que folleo con saudade), unha novela que, tomando Vento ferido como preparación para ela, marca un paso cara á literatura que se estaba a facer no momento en Europa e, nomeadamente, en Francia, pero sen deixar de ser nosa. Aquí tamén hai cidades cos seus suburbios, violencia, fatalismo, determinismo social… Pero Casares non se entrega sen máis ás modas, poñamos por caso a nouveau roman, movemento do que hai trazas en Cambio en tres, senón que acredita na literatura galega como unha literatura adulta e propia, que se dirixe ao lector, a lectora, galegos e interpélaos. Non podo ocultar que o propio Carlos Casares dixo posteriormente que perdera todo o interese nesa novela, xaora, eu tamén perdín moito do que tiven, pero estou a falar do que significou daquela.

No medio destas dúas obras Casares publica unha obra fundacional que é A galiña azul (1968), e digo isto porque con ela vai nacer a Literatura Infantil e Xuvenil galega moderna con continuidade, xa que prende en pais e mestres coma unha necesidade nacional a partir da publicación desa obra e do Concurso nacional de contos infantís O Facho.

Estes tres libros farán de min un lector devoto da obra de Casares, porque despois vai vir Xoguetes para un tempo prohibido (1975) a acrecentar esa arela de modernidade e de empurrar cara adiante a literatura galega. Seguirán unha ducia de obras de LIX, virá Ilustrísima (1980), obra lida e valorada por tantos… Pero non se trata de facer unha listaxe da obra literaria de Carlos Casares que lin con pracer e da que tanto aprendín. Chega co dito para xustificar a miña admiración polo autor e para destacar o significado que tivo para unha xeración de lectores ávidos que eramos aquelas rapazas e rapaces da segunda metade dos anos sesenta.

Xabier P. DoCampo
Maio 2017