As vistas desde a Torre Eiffel quedan pequeniñas ao lado das que hai desde estes montes. Praias que nada teñen que envexar ás que antano decoraban as axencias de viaxe (canto hai que non entramos nunha desas axencias?). O famoso Caminito del Rey é unha vulgar estrada se a comparamos coas sendas que cruzan estas terras. O Camiño de Santiago, tan noso, tan mundial, tan “penitente”, é un camiño de rosas ao lado deste roteiro. De que falamos? Cal é este marabilloso e insuperábel roteiro? Témolo ben preto: o Camiño dos Faros. Un camiño que comeza en Malpica e remata en Fisterra, percorrendo nada menos que douscentos quilómetros, metro arriba metro abaixo. Non, non está pensado nin para motos nin para coches nin para ningún tipo de vehículo. Mesmo se o queredes facer en bicicleta non vos vai resultar doado. Pero, que é exactamente este Camiño dos Faros?
Trátase dun percorrido pensado para facer a pé e con moita paciencia, tempo e perseveranza. E por suposto, cunha mínima preparación física. Porque non é para afeccionados. Algunhas persoas xa o teñen cualificado como quebrapernas. Por algo será. Non é chairo precisamente. O desnivel positivo é de arredor 4000 metros, igual que o negativo. Facédesvos a idea do que é iso? Pois o pico Dufour, nos Alpes suízos (alguén estivo emigrado na Suíza?) ten 4.634 metros. Aí o deixamos. Para as persoas non versadas na materia, diremos que un desnivel positivo é a suma de distancias que se acumulan subindo durante un percorrido.
O camiño está pensado para facer en oito etapas. Porque si, algo organizado está, diso falaremos máis adiante. As etapas son estas: Malpica – Niñons (21,3 km) – Ponteceso (27,1 km) – Laxe (25,3 km) – Arou (18 km) – Camariñas (23,8 km) – Muxía (32,6 km) – Nemiña (25,3 km) – Cabo Fisterra (26,9 km). A media estimada para cada etapa son nove horas. Diredes que é unha esaxeración, que non son tantos quilómetros. Pero… lembrade o que falamos antes das subidas e baixadas. Non hai ascensor. Nin escaleiras mecánicas. Nin, afortunadamente, se nos deu nestas latitudes por poñer burriños para subir aos visitantes como fan nalgunha illa grega. Non, tampouco hai proxectos de instalar un teleférico. Así que só nos quedan as pernas. Non esperedes tampouco brigadas forestais arranxando o camiño para que estea ben despexadiño. Se cadra non probastes nunca o licor de toxo, pero as vosas pernas sentiranse intimamente ligadas aos toxos.
Hai recompensa a este sufrimento? Claro que a hai. Lamentabelmente non existe unha indulxencia plenaria nin un diploma expedido por algún organismo oficial. Pero a recompensa é o propio camiño. Desprazarédesvos bordeando penedos e camiñando por praias incontaminadas. Pasaredes xunto aos faros que poboan esta costa, a Costa da Morte: o vetusto faro de Fisterra, os faros nas Illas Sisargas, Punta Nariga, Punta Roncudo, Punta Laxe, Cabo Vilán, Punta da Barca e Cabo Touriñán. Xa o di o nome: camiño dos Faros.
Non todo é natureza. Hai arte tamén. Por exemplo, a ermida da Virxe do Monte, no alto do Monte Farelo. Por certo, unha curiosidade relacionada con esta ermida: sabiades que, nos días de temporal, as mulleres dos pescadores subían ao seu teito para cambiar a dirección das tellas, coa convicción de que así cambiarían a dirección do vento e os seus homes regresarían pronto a terra? Non só nesta ermida, tamén noutras localidades había este costume.
Veredes tamén o pouco que queda do Castelo do Soberano, levantado en 1740, durante o reinado de Carlos III, para defender a entrada da ría de Camariñas, naqueles tempos de incursións navais de piratas e corsarios. Mágoa que as pedras deste castelo, e doutros que constituían a batería que defendían estas costas, foran empregadas para outros usos, como a construción de portos.
Tamén hai tramos urbanos que vos permitirán repoñer forzas, avituallarvos e visitar outros puntos de interese, como o pazo onde naceu Pondal.
Toda unha experiencia digna dun spot de Turgalicia. E aínda así non é estraño que non sexa tan coñecido como o pode ser o Camiño de Santiago. Detrás del non hai unha potente Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo. O que o mantén e difunde, e quen o ideou, foi unha modesta asociación, O Camiño dos Faros, nacida en Malpica no ano 2013, co obxectivo de preservar e dar a coñecer este camiño, sempre baixo a premisa do respecto á natureza. Son elas e eles os que se encargan de manter, sinalizar e promocionar, dentro das súas posibilidades, este percorrido. Estes trasnos (así se fan chamar) levan anos pelexando por obter a súa homologación como Ruta de Gran Recorrido GR, aínda que non se logrou ata o momento. Un “palabro” que tamén hai que explicar. Sendeiro GR é a denominación que recibe aquel sendeiro dunha rede europea de camiños, presente principalmente en Francia, España, Bélxica e Países Baixos, pensados para camiñadas de máis de dúas xornadas e cunha lonxitude maior de 50 quilómetros. Esta homologación non é doada polo que se ve. Esixe apoio das administracións e poñerse de acordo entre todas debe ser máis difícil incluso que facer este camiño correndo.
E correndo foi como o mozo de Corcubión, Iago Dosil, quixo promover este Camiño hai dous anos. Empregou 41 horas e 30 minutos. Correndo, si. Se non é fácil facelo andando, imaxinade correndo. E agora, unha moza de Malpica, Maite Rojo, vai intentar repetir este reto tamén en dous días.
O RETO DE MAITE ROJO
Maite Rojo é unha aventureira. De vocación mariñeira pasou estes últimos anos navegando polos sete mares. Quizais non son os sete mares que se adoitan enumerar na literatura clásica, pero son mares a fin de contas: Mediterráneo, Atlántico, Pacífico, Caribe, Alborán, Cantábrico e dos Sargazos. Navegando a vela percorreu todos eses lugares que aparecen nos nosos soños de luxo: illas do Caribe, Polinesia, Nova Zelandia…
Pero Maite tamén é unha atleta. Atleta das de verdade, ao estilo clásico. Porque, que pode ser unha muller que rematou o Espartatlón grego, ese percorrido mítico, de 247,5 quilómetros entre Atenas e Esparta? Fíxoo en 32 horas e 26 minutos, converténdose na primeira galega e a segunda do estado en conseguilo. E, máis recentemente, participou na Ultr’ardeche de Francia, quedando cuarta tras percorrer os seus 222 quilómetros en 28 horas e 46 minutos.
E como boa atleta, e como boa galega, proponse agora contribuír a reivindicación para que este camiño se homologue como Ruta de Gran Recorrido GR. E farano da maneira que ninguén mellor ca ela pode facelo: como ultrafondista correndo estas oito etapas dun tirón, enteira e sen paradas, Por certo, outra explicación “técnica”: unha distancia ultra ou un ultramaraton é calquera evento deportivo que inclúa unha carreira a pé de percorrido maior que a lonxitude dun maratón tradicional (42,195 km).
Maite comezará a súa carreira o mércores 23 de agosto ás 3 da madrugada e espera rematar en Fisterra o xoves 24 pola tarde/noite. Leva varias semanas preparándose para esta gran proba. Seguramente conte, nalgún dos tramos, coa compañía dalgúns corredores da zona, como Quito Ponteceso.
O Espartatlón grego remata aos pés da estatua de Leónidas I, o rei espartano que morreu na batalla das Termópilas loitando contra os persas. Nesta ocasión Maite non rematará aos seus pés, como fixo o pasado ano en Grecia, pero o noso Faro de Fisterra non ten nada que envexar ao monarca grego. Como ben di Isabel Risco, Maite é como unha superheroína autóctona que deberá ter dimensión internacional alén mar e alén a nosa terra! Estirpe de mulleres bravas e valentes!
6 Comments
Impresionante roteiro. Penso que en poucos lugares do planeta exista algo parecido, cunha beleza natural desta calidade de máis de douscentos quilómetros. Mágoa de non atreverme a facelo enteiro, pero sí penso probar por etapas…
Carlos González Mazaira, intenta facer dende Laxe a Arou ou Arou Camariñas, son etapas fáciles para adestrar para outras. Grazas polo teu comentario. Tes razón, é unha beleza. 🤩
Ánimo Maite!! Para min, o importante do que vas facer e transmitir a idea que sen natureza non hai futuro. E na Costa da Morte ten que haber futuro!
Gracias Xavi!!!! penso o mesmiño!!!
A xente do camino é a que respeta a natureza, espero que se de a coñecer esta fermosura.
Por un lado son escéptico e comparto a maneira de pensar da xente de aquí en canto ao disfrute das nosas paisaxes. Se veñen moitos turistas escaranllase as paisaxes por mor de que fai falta xente con valores cívicos. Por outra parte se as xentes de aquí e as Administracións involucradas fan ben as cousas e apostan por un desenvolvemento sostible o Camiño dos Faros ten futuro. Gustaríame acompañarte un tramo, pero esta semana teño choio e non podo. De tódalas maneiras unha aperta e forza para rematar lo camiño.
Estou dacordo aquí temos todos que arrimar o hombro para escoller ben aos nosos políticos, en presionar e protestar cando as cousas non se fan ben., ademáis de seguir limpiando e coidando a nosa terra. Un gran de área fai moito. Moitas Moitas Moitas grazas polo teu apoio. Esperemos disfrutar de esta maravillosa terra por moito tempo.