Bóveda, no camiño da reparación moral

Monumento a Alexandre Bóveda

Placa na sede da Agrupación Cultural Alexandre BóvedaDesde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda congratulámonos da noticia: o Goberno do Estado respóndelle ao deputado do BNG, Néstor Rego, que a condena de Alexandre Bóveda será declarada nula unha vez se aprobe a nova Lei de Memoria Democrática.

Tras o Golpe de Estado fascista, Alexandre Bóveda foi detido –por liderar a defensa das institucións democráticas republicanas– en Pontevedra o día 20 de xullo de 1936. Condenado a pena de morte por traizón nun Consello de Guerra Sumarísimo que tivo lugar o 13 de agosto de 1936, Alexandre foi fusilado o 17 de agosto de 1936 na Caeira (Poio).

 

Desde entón, Alexandre Bóveda pasou a ser un dos mitos do galeguismo, convertido en mártir pola defensa da liberdade e dos seus ideais. Na data da súa morte –17 de agosto–, celebramos o Día da Galiza Mártir. A loita por restituír a dignidade e a memoria de Alexandre Bóveda está presente en organizacións e no pobo galego. A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda ten como un dos seus obxectivos a divulgación da figura e do pensamento do ilustre nacionalista.

Monumento a Alexandre Bóveda - A Coruña

Nesa loita por restituír a memoria e a dignidade de Bóveda, o deputado do BNG, Néstor Rego, formuloulle o 25 de agosto ao Goberno do Estado dúas preguntas:

  1. Vai o Goberno dar cumprimento á PNL aprobada polo Congreso dos Deputados en 2006 e á propia Lei de Memoria Histórica e anular o xuízo sumarísimo polo que foi condenado a morte Alexandre Bóveda para así restituír plenamente a dignidade e a memoria de quen foi un firme defensor de Galiza e da democracia?
  2. De ser así, cando ten previsto facer pública esa Declaración na que se anula o citado xuízo militar sumarísimo que supuxo a sentenza de morte de Alexandre Bóveda e o seu fusilamento o 17 de agosto de 1936?

Alexandre BóvedaA resposta do Goberno –29 de setembro de 2020– é que Alexandre Bóveda é acredor da reparación moral coa que a democracia española honra aos que inxustamente padeceron dita persecución ou violencia. O Goberno tamén recoñece e declara o carácter radicalmente nulo de todas as condenas, sancións e calquera formas de violencia persoal producidas por razóns políticas, ideolóxicas, de conciencia ou crenza relixiosa durante a guerra civil, así como as sufridas polas mesmas causas durante a Ditadura.

Sen dúbida, asistimos estes días a un pequeno paso adiante na restitución da dignidade e a memoria de Alexandre Bóveda. Seguiremos loitando por acadar eses obxectivos, que tamén son os do pobo galego.

 

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *