Ánxel Casal e “Nós” na Coruña – Paseos en agosto XI

Placa en lembranza da fundación da Editorial Nós na rúa Real da Coruña

Placa na sede fundacional da Editorial Nós

Nesta casa –número 6 da Rúa Real– da Coruña fundou Ánxel Casal en 1927 a Editorial Nós. Tal como sinala a placa, “publicando nela as obras principais da cultura galega do seu tempo. De aí que Castelao dixese que “Casal fixo máis por Galiza que todos nós”.

Grupo diante da casa número 6 da rúa Real

Neste edificio (en obras, neste agosto da era COVID) publicáronse fitos tan transcendentais para a cultura galega como A Nosa Terra e a Revista Nós –da que estamos de centenario.

Ánxel Casal Gosenxe naceu na Coruña en 1895 e foi asasinado en Cacheiras (Teo) o 19 de agosto de 1936, tras o Golpe de Estado franquista. Pertenceu ás Irmandades da Fala, ao Partido Galeguista e foi alcalde de Compostela.

Pero no importante labor de Casal tamén contribuíu María Miramontes coa que casou en 1920. María formou parte da Xunta Directiva das Irmandades e tamén do Partido Galeguista. O matrimonio, como dixemos, puxo en marcha unha serie de iniciativas vitais para a nosa cultura. Ademais de fundar as editoriais Lar e Nós, dirixiron as Escolas de Insiño Galego, ensino bilingüe inspirado nos principios da Institución Libre de Enseñanza. Os dous tamén traballaron en favor do Estatuto de Autonomía para Galiza. Tras o asasinato de Ánxel Casal polos franquistas, María Miramontes embarca na Coruña cara a Bos Aires, en novembro de 1936.

Moitas homenaxes merecen Ánxel Casal e María Miramontes na Coruña e en toda Galiza. Na Coruña, hai un centro educativo que leva o nome do primeiro: CIFP Ánxel Casal–Monte Alto.

CIFP Ánxel Casal

Na actualidade, os restos de Ánxel Casal descansan no cemiterio de Santo Amaro, na Coruña.

Sepultura de Ánxel Casal

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *