Antón Avilés de Taramancos. Poeta

Pido que se me enterre en Boa, na sepultura onde está meu pai. Hai unha lápida de pedra… Pido que ela me cubra, e que se poña a seguinte inscripción: ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS. POETA

A segunda metade do século XX vai coñecer unha xeración de autores que serán figuras destacadas e fundamentais das nosas letras. Pola cantidade e pola calidade, a obra destes escritores ocupa un lugar senlleiro na nosa literatura. Referímonos á chamada Xeración das Festas Minervais. Son escritores nados entre 1930 e 1940 e que non viviron directamente a Guerra Civil. O nome da xeración débese a que eran autores que participaron nas Festas Minervais -certame literario que xa viña do século XVI e que organizaba a Universidade de Santiago de Compostela. Entre os autores desta xeración temos nomes tan destacados como Uxío Novoneyra, Manuel María, Bernardino Graña, Xohana Torres, Méndez Ferrín, García Bodaño, Franco Grande, López Casanova e Antón Avilés de Taramancos. A este último dedicamos, a continuación, unhas breves liñas de homenaxe.

Vida e obra de Antón Avilés de Taramancos

Antón Avilés de TaramancosAntón Avilés de Taramancos (Xosé Antón Avilés Vinagre) naceu o día 6 de abril de 1935 no lugar de Taramancos –parroquia de Boa–, no concello de Noia e faleceu –na Coruña– o día 23 de marzo de 1992. Estuda o bacharelato –por libre– en Noia e en 1953 trasládase á Coruña para facer estudos de Náutica. Nesta cidade entra en contacto con Urbano Lugrís, Xohán Casal e Reimundo Patiño, entre outros. Tras o servizo militar en Ferrol, en 1957 volve outra vez á Coruña, onde recupera as antigas amizades, sobre todo a de Urbano Lugrís, que deixará unha fonda pegada no poeta noiés. No ano 1961, Avilés de Taramancos emigra a Colombia, onde permanece arredor de vinte anos desenvolvendo diferentes oficios. De volta en Noia, en 1980, móstrase como un incansable activista social e mesmo chega a ocupar o cargo concelleiro de cultura polo Bloque Nacionalista Galego. Dedicado á hostalería, a súa Tasca Típica vaise converter nun lugar de referencia para o mundo intelectual e literario de Galiza.

No tocante á obra de Avilés de Taramancos, temos que sinalar que o seu primeiro poema aparece no ano 1951. Trátase de “Saloucos d´un emigrante“, publicado na revista Tapal, que dirixía Manuel Fabeiro Gómez. Da etapa coruñesa son As moradías do vento (1955), un grupo de poemas que aparece nunha separata da revista Atlántida. Da etapa do servizo militar en Ferrol é o seu primeiro libro, A flauta i o garamelo (1959). Ao regreso da etapa americana volve moi impresionado pola emoción da paisaxe amazónica, polo seu exotismo e vizosidade. Por outro lado, comeza a escribir unha poesía onde predomina a compoñente mítica. En 1980, publica O tempo no espello, onde recolle toda a súa obra en verso escrita ata ese momento: os poemas anteriores á súa marcha, os da etapa da emigración e un feixe de textos escritos ao seu regreso. En 1985 publica Cantos caucanos, Premio Nacional da Crítica. Nesta obra, a paisaxe americana aparece en todo o seu esplendor e exuberancia. Son continuas as referencias ao mundo vexetal tropical, de aí a abundancia de americanismos:

Ter unha casa en Chachauí sobre do cume
do Cúndur-Cúndur que os incas bautizaron
polas grandes aves míticas. Ter unha casa en Chachauí
e ver no fondo do precipicio o Putumaio
brincar como un regueiro pequeniño.

 

Ter unha casa en Chachauí
e escoitar á noitiña o zunido dos vagalumes,
dos cocuios, o canto do turpial
e o miar estremecedor do puma negro.

 

Ter unha casa en Chachauí,
esquecerse do tempo, estar ao pé dun deus antigo
amigo do sol.

 

Ter unha casa en Chachauí.

 

Abaixo, no camiño de Ipiales, na estrada do Ecuador,
brillan as flores ventureiras.
Pero as estrelas son máis grandes.

 

Ter unha casa en Chachauí.

Versión do poema Chachauí a cargo de Rodrigo Romaní (voz de María Arribe):

No ano 1989 publica As torres no ar: trinta e seis poemas organizados en tres partes (poemas centrados na natureza, poemas en versículos, poemas centrados no amor). En 1992, publícase postumamente Última fuxida a Harar. Escrito nos últimos días da súa vida, baixo a certeza da morte, é dalgún xeito o seu testamento poético:

Non é Galiza, non, é unha ferida
Aberta sempre en rosa de cen follas.
Espiña, mel, pozo sen fondo, terra
que brilla como lóstrego no paredón do tempo
cada mencer. E vive.
Perdura, si, verquida desde dentro,
teimosa do seu ser, sempre cavando
aínda no sangue que a negou tres veces,
perfurando o amor desde as virillas,
perfurando o amor. Sempre sostendo
esa dor profundísima que proe
como a felicidade.
Iso de non ter límites! Ser ave,
ser cantiga, ser pranto, ser combate,
ser esa permanencia que nos leva
como un río no tempo até a vitoria…

Carta de Avilés de TaramancosComo diciamos, a crítica acostuma a facer dúas etapas na traxectoria poética de Avilés de Taramancos. A primeira (1955-1961) estaría formada polos poemarios escritos antes da súa marcha a Colombia. Son textos clasicistas e requintados nos que emprega a miúdo o hendecasílabo. A segunda etapa (1963-1992) abrangue toda a produción da emigración e da súa volta a Galiza, onde os referentes míticos convértense no eixe articulador dos poemarios.

Antón Avilés de Taramancos deixounos en prosa Nova crónica de Indias (1989), o ensaio Obra viva (1992) –escolma de textos aparecidos na prensa– e un texto teatral, Tres capitáns de tempos idos (1983).

O 27 de outubro de 1991 asinou Antón Avilés de Taramancos o seu testamento hológrafo –ao que pertence a cita que encabeza este texto– que era unha mostra máis de amor á familia e a Galiza. Como a súa vida e obra.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos é o Volume XIX da colección As Nosas Voces, editado polo Arquivo sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega:

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Para saber máis de Avilés de Taramancos:

Ficha de Avilés de Taramancos na Real Academia Galega.

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *