Miña casiña, meu lar,
Cantas onciñas
D’ ouro me vals!
(Rosalía de Castro)
Ano novo, casa nova. Dezaoito anos levabamos a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda na rúa Olmos da Coruña. Alí, no primeiro andar, do número 16–18, intentamos cumprir os obxectivos que ten a nosa asociación –fundada en 1976– e que se refiren á promoción e defensa da lingua e da cultura galegas, ben como a divulgación da figura e do pensamento do ilustre nacionalista que dá nome á entidade.
Enumerar todas as actividades culturais desenvolvidas nestes dezaoito anos na rúa Olmos sería imposible. Miles de actividades para miles de persoas, e sempre para promocionar a nosa cultura.
As circunstancias fan que, co aninovo, deixemos o local da rúa Olmos e nos traslademos á rúa Santo André, número 36 (edificio do Circo de Artesáns). Alí, tamén no primeiro andar, seguiremos cumprindo co obxectivo de promocionar a nosa cultura.
Acóllenos un lugar emblemático para a cultura galega na nosa cidade. Unha entidade que acaba de celebrar o 175 aniversario da súa creación, en Santo André desde 1895.
Nos seus salóns inaugurouse a Real Academia Galega o día 30 de decembro de 1906. Entre os bibliotecarios estiveron Antón Vilar Ponte –fundador das Irmandades da Fala– e Eladio Rodríguez –autor dun loado dicionario de galego–. Se cabe, toda a súa historia en favor da cultura galega, será un aliciente máis para que a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda sigamos cumprindo cos nosos obxectivos.
Comezamos xaneiro de 2023 cunha nova casa –Santo André, número 36, primeiro andar (edificio do Circo de Artesáns). Aquí abrimos as portas a quen queira traballar connosco, porque somos xente de acción, en renovación permanente, e sempre traballando pola cultura galega.
Pronto teremos o espazo dispoñible para comezar coa programación de 2023. Alí vos esperamos.
Queres axudarnos a facernos máis fortes? Faite soci@. Somos moi perto de 300, axúdanos a medrar. Podes facelo desde o formulario da nosa web.