“Por iso me chaman Rosa”
O 23 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela Rosalía de Castro. A súa vida e a súa obra –como as de Castelao– son modelos e guías a seguir no compromiso con Galiza e co seu pobo.
Desde o seu falecemento en Padrón –15 de xullo de 1885–, foi sempre obxecto de lembranza e homenaxe ao longo de distintas épocas. Numerosas voces deixaron en forma de verso a súa homenaxe a Rosalía. Por citar algunha das coñecidas:
Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
(Curros Enríquez)
Non convén chorar máis.
Ela chorou por todos e para sempre.
Calemos…
(Luís Pimentel)
Dende entón, si ferido dos penares
que ensangrentan a vida con que loito
pouso a ialma nas FOLLAS i o CANTARES
(Ramón Cabanillas)
Decimos Rosalía
i alcéndese un espello
na noite largacía.
(Celso Emilio Ferreiro)
Todo fala de ti. Silencio e pranto.
Rosalía de amor, coa dalia altiva
no clamor anceante do teu nome.
(Pura Vázquez)
En Bonaval veño a pensar en ti
Para sentir a vida que abonda nunha bágoa
(Luz Pozo Garza)
Doíache o teu povo, a tú aterra. Tiñas medo.
A túa ollada limpa, de neve, quería ver ó mar
Aínda que adivinaba a tristura dos naufraxos.
(Manuel María)
Hoxe pasei por Padrón,
Hoxe vin a Rosalía,
estaba erguida no monte
ollando pasar a vida
(María do Carme Kruckenberg)
Ti es para min isa barca que lembra
Toda a presencia de madeiras náufragas
(Xohana Torres)
Pero agora estás morta
Moito antes de estar morta
(Pilar Pallarés)
A de quen comprende non é
palabra feliz.
(Xela Arias)
Ti cantar, cantar, cantache,
cantache, que ben sabías;
cantache de grasia chea:
¡vos groriosa da Galicia!
(Florencio Delgado Gurriarán)
Cada ano, o 23 de febreiro, coincidido co seu nacemento, celebramos o Día de Rosalía. Sen dúbida, unha data importante dentro do calendario cultural galego.
(lembra que na Coruña a lectura da obra pública de Rosalía, organizada pola AELG e ACAB, realizarase o día 23 de febreiro ás 17h diante do Teatro Rosalía)
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora o Día de Rosalía propoñéndolle á cidadanía que agasalle cun libro e unha flor as amizades e persoas queridas.
Beatriz Maceda Abeleira foi a escritora escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto, que tamén será lido en todos os actos que promova a AELG e en todos os que así o desexen, comeza:
Alimentamos a realidade do noso País a través da nosa lingua e das palabras que
envolven a nosa diversidade social e cultural. Pensármonos na lingua de nosoutras é manter, transmitir e dignificar quen somos. E esta é a forza que atopamos en Rosalía de Castro: recoñecérmonos como pobo forte, unido na nosa lingua.
O lema escollido para este 2022 é: #SementadePensamentos
Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2022
Tamén a Fundación Rosalía de Castro organiza unha serie de actividades para celebrar o Día de Rosalía. Entre elas propón: ler a súa obra, facer un Caldo de Gloria e unirse á Alborada.
Día de Rosalía 2022. Fundación Rosalía de Castro
A Cultural Alexandre Bóveda únese á celebración do Día de Rosalía e convida a todas as persoas a participar nos actos que se organizan. Tal como acaba o Manifesto da AELG:
Cosamos cos fíos da lingua na que entendemos, debatemos, amamos e
enliñemos as nosas ideas e os nosos pensamentos.
“O que quixen foy falar un–ha vez mais d’as cousas d’a nosa terra, n’a nosa lengoa”