Nun encontro celebrado na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e organizado por Nós Diario –para festexar a saída do número 1000 do xornal– analizouse a situación actual e o futuro da prensa en Galiza. No acto, xunto con María Xosé Bravo –presidenta da AC Alexandre Bóveda–, participaron María Obelleiro e Xoán Costa, directora e presidente do consello de administración de Nós Diario, respectivamente.
Comezaba María Xosé Bravo sinalando que era un día de festa pois estabamos celebrando un proxecto que nos permitía mirar o mundo cos nosos ollos. Desde un principio –afirmou– sempre estivera convencida do éxito porque –o xornal– era algo imprescindible. Agradeceu María Xosé o inmenso traballo de María Obelleiro e Xoán Costa para facer de Nós Diario a realidade que hoxe é.
Pola súa parte, Xoán Costa fixo un breve percorrido polas datas significativas do proxecto e polas tres premisas de que se partía: era necesario, era posible e dependía de nós. Entre as datas significativas, sinalou Costa ese 27 de xaneiro de 2018 cando se presentaba publicamente o proxecto en Santiago de Compostela ante 200 persoas. Tamén, ese xa histórico 2 de xaneiro de 2020 cando vía a luz o número 1 de Nós Diario. Antes –o día 30 de novembro de 2019–, saíra o número cero, onde se afirmaba chegamos para ficar.
Na actualidade, afirmaba Xoán Costa, mantéñense as premisas e a mesma liña do principio. O presidente do consello de administración pedía –para seguir dependendo de nós– outros 1000 subscritores máis de Nós Diario.
Na súa quenda, María Obelleiro –directora de Nós Diario– sinalou que o xornal era un traballo colectivo. Traballo no que xogamos con desvantaxe: as arredor de 12 cabeceiras en papel que hai en Galiza viven das subvencións. Mais a Xunta de Galiza exclúe Nós Diario desas subvencións. Afirmaba a directora que Nós Diario molesta porque fai un xornalismo valente: informa do que os demais non informan. É o caso –sinalou– do espolio das eólicas, das portas xiratorias, do SERGAS, das residencias de maiores ou das informacións sobre a CRTVG. Nós Diario crea axenda mediática, sinalaba María Obelleiro.
Recoñecendo que sempre hai marxe de mellora, directora e presidente de administración pediron apoio para Nós Diario. Segundo eles, o xornal sen as súas lectoras e lectores non é nada. Entre as formas de axudar sinalaron a fórmula do mecenado. O proxecto, para subsistir, depende de nós: subscritoras, lectoras…De aí a importancia de conseguir outros 1000 subscritores máis de Nós Diario, afirmaban.
Para podermos mirar o mundo cos nosos ollos, o proxecto que significa Nós Diario precisa do noso apoio. É necesario, posible e depende de nós.