A Real Academia Galega (RAG) acaba de escoller o cancioneiro tradicional galego como motivo de celebración do Día das Letras para o próximo ano 2025, pondo en destaque a figura da muller como principal creadora e transmisora deste tipo de manifestación artística. Con efecto, Prudencia Garrido, Asunción Garrido, Manuela Lema (pandereteiras de Mens, en Malpica de Bergantiños), Eva Castiñeira (natural de Muxía e asentada na Coruña), Adolfina Casás e Rosa Casás (pandereteiras de Cerceda) singularizan nesta ocasión a conservación e proxección até aos nosos días dese representativo legado. Todas elas pertencen á rexión da Costa da Morte, terra en que, xunto ás serras orientais do país, o canto e as afinacións conservaron trazos de marcado arcaísmo, practicamente desaparecidos no resto do continente europeo.
A este respecto, e sen queremos criticar as seis cantareiras de Bergantiños-Fisterra, a RAG debería ter en conta o facto de noutras partes da nación haber moitas máis mulleres que fixeron parte dese patrimonio. É o caso, por pormos algún exemplo, de Elena Refoxo (Toutón, O Condado), cuxo saber inspirou a gravación dun fermoso traballo discográfico intitulado As cantigas de Elena (Pipo Alvariño & María Vidal & Myriam González, 2018) que inclúe seis cortes interpretados pola propia Elena e remasterizados para a ocasión. Tampouco houbo oportunidade de lembrar as músicas cegas ambulantes, como a Pachacha de Mondoñedo, que chegou a ser contratada en varias localidades españolas e en aldeas e vilas do norte de Portugal; durante a segunda metade do século XIX, a invidente mindoniense recitaba e cantaba acompañada polo seu violino, probabelmente executando a coñecida como “primeira posición”, propia da música tradicional de certas partes da Europa, cal Irlanda ou Escocia. A RAG tamén se non lembrou de Dolores Gómez Lago, ‘A cega de Miranda’, habitual nas romarías e feiras de Castroverde até ao Cebreiro no ecuador do século XX, que tamén organizaría tonal e melodicamente o seu repertorio a partir da antecitada “primeira posición”.
A consideración da poesía tradicional e das mulleres como as súas principais transmisoras xa vén de antigo e tamén non representa unha novidade entre as actividades da nosa AC Alexandre Bóveda: para alén doutros proxectos e eventos, lembramos a tal propósito o Caderno Sermos Bóveda nº 2, intitulado Música tradicional. Moito máis que a memoria do país e distribuído co semanario Sermos Galiza (nº 313). Do punto de vista histórico, as primeiras recollidas de poesía popular corresponden aos ilustrados do século XVIII, nomeadamente ao Padre Sarmiento (1695-1772) e ao Padre Sobreira (1746-1805). O primeiro, que tamén foi bandeirante na defensa e reivindicación da lingua e no seu estudo lexicográfico e etimolóxico, dicía, en certa harmonía coa Festa das Letras do ano 2025, que en cada muller da Galiza habitaba unha verdadeira poeta. E a mesma ou parecida impresión sería a que manifestarían un século máis tarde Augusto González Besada (1865-1919) ou Manuel Murguía (1833-1923), autores que ficaron fascinados pola figura feminina como creadora e legataria de poemas e cantos tradicionais e pola propia poesía popular. Neste sentido, o pobo galego pode estar ben orgulloso da cantidade e da calidade desta tipoloxía de literatura, cuantitativamente abrumadora: calcúlase que hai uns 30.00 textos poéticos, uns 80.000 refráns e proverbios e unhas 1.500 narracións. A presenza de tal expresión artística, en que o canto tradicional se converteu nun dos máis salientábeis modos de reproducir as poesías orais, levou investigadores como Xaquín Lorenzo (1907-1989) a sinalar o grande impacto que tiña no mundo rural. Ao paso, deixou felizmente perplexos autores doutras partes do Estado español, cal o xuíz Nicolás Tenorio Cerero (1863-1930), que nos inicios do século XIX corroboraba no seu libro La aldea gallega (1914) que todos os labores agrícolas na comarca de Viana do Bolo se desenvolvían con mulleres a cantaren.
Ese cancioneiro continúa hoxe a dotar o país dunha forte identidade colectiva cultural e musical, embora a súa transmisión pasase maioritariamente das fiadas, foliadas, polavilas ou seráns, en que se reunían veciñas e veciños para bailaren e cantaren, a formatos audiovisuais cun notabilísimo nivel de aceptación social; deixouse de cantar após a conclusión dun traballo comunitario e tamén xa non se entoan cancións nas tabernas despois da xornada laboral, como acontecía en moitas vilas e cidades de porto de mar. Como quer que sexa, desde as primeiras ocasións en que as pandereteiras de Mens subían a un palco de música grazas ao labor de Manuel Cajaraville (1926-1999) coa Agrupación Folclórica Aturuxo da cidade do Orzán, pasando polas veces en que Milladoiro se fixo acompañar de Eva Castiñeira ou das cantareiras de Cantigas e Agarimos (berce do laureado grupo Leilía), e sen perdermos de conta o traballo de asociacións e agrupacións foclóricas, vemos hoxe como (re)coñecidas bandas e intérpretes continúan sucesosamente a versionar e actualizar esa roburenta tradición: con diferentes graos de recorrencia ao repertorio tradicional, é o caso de Arredores, Cantadeiras do Berbés, Davide Salvado, Fransi González, Malvela, Mercedes Peón, Olga Kirk & Pablo Díaz, Tanxugueiras, Treixadura ou Xabier Díaz, entre outras moitas formacións e artistas que poderiamos citar.
Esperemos que a opción da RAG, alén de homenaxear esas mulleres e homes que cantaron e recitaron en galego nos séculos XVIII-XX, sirva para reflectirmos en que o forte nivel de hibridación co español con que moitos cantares actuais se dan a coñecer non representan, a noso ver, a literatura popular en lingua galega, por moito que algunhas persoas insistan nunha tóxica enxebridade. A explicación tan recorrente de que “así é como se recolleu” ou “así é como cantaban” non parece servir como argumento, pois tamén se compilaron poesías tradicionais dotadas dunha marcadísima procacidade machista e dun ofensivo e violento sexismo que hoxe en día non se levan aos escenarios por seren contrarias á dignidade das mulleres: por acaso, levantaría o noso aplauso alguén que cantase Esta noite hei de ir aló, / tera-las pernas lavadas: / heime de meter entr’elas / anque señ’a puñaladas? Por iso, se nin todo serve para cantar e promocionar nos concertos e nos produtos audiovisuais debido ao seu androcentrismo sexista, por moi tradicional que sexa, unha lingua tremendamente erosionada tamén non serve para representar o canto tradicional galego, aínda que así fose colixido. Nótese a este respecto que xa un estudioso como José Pérez Ballesteros (1833-1918), un dos fundadores en 1881 da sociedade “El Folk-lore Gallego”, deixaba constancia no seu Cancionero popular gallego (1885-1886) da foraneidade gratuíta de palabras, expresións e até versos enteiros que abrasaban os cantares que el foi coleccionando desde 1850. E repárese, igualmente, en que esta percepción xa se tiña na segunda metade do século XIX. A pregunta, por tanto, podería ser así formulada para a nosa época: non se avanzou nada desde aquela? Se os eruditos oitocentistas se preocupaban por esa mestura de balde entre o galego e o español no canto e poesía tradicionais, debemos nós, os galegos e as galegas da actualidade, aplaudirmos e defendermos esas mostras de interferencia? Hai formacións folclóricas cuxos membros se cobren co traxe tradicional e se converten en “galegos/as enxebres” durante unhas horas para cantaren maioritarimente en español.
Agardamos que este ano de celebración literaria e cultural contribúa para reflectir nestas temáticas. Aínda que houbese autores e autoras da Galiza que escribiron tamén en español, a súa celebración no Día das Letras centrouse na obra en galego, non na súa produción en castelán. Subsecuentemente, desexamos que todas as entidades do mundo folque e tradicional reflictan en que pouco ou nada contribúen para a dignificación da lingua e da literatura galegas, mesmo na esfera da poesía popular, se persistiren en hibridizar a lingua coa española e se tencionaren denominar iso como “canto tradicional galego”.
Xosé Manuel Sánchez Rei
sanrei@udc.gal
Universidade da Coruña
Grupo ILLA