A Coruña como escenario literario

Presentación na feira do libro da Coruña

Presentación na feira do libro da Coruña

Dentro da programación da Feira do Libro da Coruña, tivo lugar unha mesa redonda co título A Coruña como escenario literario. Con Beatriz Maceda como moderadora, Andrea Maceiras, Antonio M. Fraga e Héctor Pena falaron das súas novelas: Que me pare o corazón se te esquezo, Santoamaro e A pioneira, respectivamente.

Libros

Comezou sinalando Beatriz Maceda que o próximo ano –2024– homenaxearemos a Luísa Villalta poeta da Coruña, cidade escenario de moitos dos seus textos. Igualmente, recomendou a moderadora a visita á páxina –fermoso proxecto, sinalou– A Coruña Literaria da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Presentación na feira do libro da Coruña

De Andrea Maceiras dixo Beatriz Maceda que a premiada autora conectaba moi ben coa mocidade. Segundo Andrea, A CoruñaNordestal na novela– é o marco perfecto para a súa obra na que están presentes as luces e as sombras das redes sociais.

Presentación na feira do libro da Coruña

De Antonio M. Fraga sinalou Beatriz Maceda que, ao igual ca Andrea Maceiras, era un autor moi premiado. Na súa obra, un grupo de amigos tras finalizar o último curso no instituto, reúnense de madrugada na praia de Santo Amaro. Para Antonio, que vive en Monte Alto, na obra aparece a súa burbulla, o seu universo coruñés.

Presentación na feira do libro da Coruña

De Héctor Pena, sinalou a moderadora a súa profesión de xornalista –actualmente é o responsable da sección de Deportes en Nós Diario–, escritor e historiador. Segundo Héctor, A Coruña que aparece na súa obra non é a actual. O deporte, a Guerra Civil, a represión e o anarquismo aparecen nas páxinas da súa novela, percorrendo toda a cidade. A protagonista da obra de Pena é unha muller –Ester– que quere ser futbolista nun momento en que a práctica deste deporte era só de homes. En semellanza ao que lle pasou á coruñesa Irene González Basanta nos anos vinte do século pasado.

Presentación na feira do libro da Coruña

Salientaba Beatriz Maceda a importancia da linguaxe nas tres novelas. Recoñecía Andrea Maceiras que a autora ten na mente achegarse ao público, neste caso, Andrea –sinalaba Beatriz– conecta moi ben coa rapazada. No caso de Antonio M. Fraga tamén é de destacar o valor da linguaxe. Aparece un estudo do koruño. A obra de Héctor Pena retrocede á linguaxe –das distintas clases sociais– doutra época.

Presentación na feira do libro da Coruña

Na mesa redonda tamén se analizaron os dilemas morais que aparecían nas tres novelas. No caso de Andrea Maceiras, na súa obra aparecen as redes sociais, a saúde mental, a adolescencia –segundo ela, esa etapa é un dilema–. No caso de Antonio M. Fraga, para el na súa obra hai un elemento presente: a desilusión que leva á tristura. Afirmaba Héctor que os adolescentes respectan moito que se lles fale de ti a ti. Segundo el, na súa novela hai dilemas morais de todas as idades.

Presentación na feira do libro da Coruña

Finalizaba a mesa redonda a moderadora –Beatriz Maceda– recomendando a lectura das tres obras para conectar cos adolescentes e agradecendo aos autores o feito de poñer palabras á cidade.

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *