8 de marzo: sen coidados non hai vida

Manifestación 8M

“Son a nai que te pariu e coida

face–lo necesario porque avances”

(Xela Arias. Darío a diario)

O Manifesto de Galegas8m para o Día das Mulleres 2021 sinala a necesidade de concienciar da importancia de todos eses traballos invisíbeis que permiten a reprodución e mantemento da vida, de todas esas tarefas ás que non lles damos importancia e sen as cales a nosa existencia, tal como a coñecemos, non sería posíbel. E, é que as persoas non nos valemos por nós mesmas porque non somos independentes, de aí que o manifesto continúe dicindo que precisamos dos coidados durante toda a nosa vida, para satisfacer as nosas necesidades afectivas, para alimentarnos, para mantermos a saúde, para vestirnos, para vivirmos en contornos limpos, na procura do noso benestar e da nosa felicidade.

Cartaz 8M 21

A situación de pandemia que vivimos desde hai un ano puxo en evidencia o feito de que a maioría do traballo dos coidados seguen realizándose sen remuneración. Como se afirma no manifesto é imprescindible apostar pola corresponsabilidade tanto no reparto de tempos coma de traballos.

Xa Rosalía de Castro –en Follas novas– se queixaba desta inxusta situación que viven as mulleres:

Tecin soya á miña tea,

Sembrey soya o meu nabal,

Soya vou por leña ô monte,

Soya á vexo arder n’o lar

Esas “viúvas de vivos e mortos” levando elas todo o peso da casa e da familia. Elas coidando de todo e de todos:

Tes en cambio orfos e orfas

E campos de soledad,

E nais que non teñen fillos

E fillos que non tên pais.

E tês corazons que sufren

Longas ausencias mortás,

Viudas de vivos e mortos

Que ninguen consolará.

O paraíso feixista - CastelaoEsas “viúvas” levando o peso de todo tamén as reflectiu moi ben Castelao nos seus debuxos (Atila en Galicia): en soidade terá a nai que coidar os fillos neste caso por culpa da guerra e dos “feixistas”

Matáronlle un fillo - Castelao

Vendo a dor desa nai do debuxo de Castelao, tamén de Atila en Galicia, non son de estrañar os versos de Rosalía de Follas novas:

Soidás me consomen,

Vagoas m’alimentan,

Sombras m’acompañan,

Cómem’a tristeza.

¡Quen pode con tanta

Fartura de penas!

Entre as tarefas que temos por diante está a de visibilizar ante a sociedade mais tamén na contorna familiar todo o traballo de coidados que as mulleres realizamos a diario sostendo a vida familiar e comunitaria.

As estudosas sinalan que Xela Arias –Letras Galegas 2021– realiza unha reescritura do corpo, ao mesmo tempo que fai un tratamento da maternidade pouco convencional e posúe un poderoso suxeito feminino, ousado e indómito. Todo isto constitúe un importante legado para as autoras feministas actuais. En Darío a diario (1996), Xela ofrece unha reflexión sobre a súa experiencia da maternidade, ofrecendo unha relectura alonxada da visión tradicional:

Dis ma–ma–má

e consegues oito pasos seguidos sen axuda

cara a nós. ¿Vesme?

Son a nai que te pariu e coida

face–lo necesario porque avances.

(Xela Arias. Darío a diario)

–––––––––––

Imos, meu ben, camiñar sereno

pola cidade sen ramplas nas aceras. Imos

comeza–lo xeito da túa vida, e mírame,

mesmo as bolsas dos meus ollos serán monecos.

Necesitamos visibilizar ante a sociedade a necesidade dunha educación pública, laica e feminista na que a perspectiva de xénero sexa transversal, tanto nas estruturas coma nos contidos académicos.

Colexio Eusebio da Guarda

Nada na Coruña en 1880, María Barbeito foi directora da Escola Graduada Pública de Párvulos “Da Guarda”. Converteu a escola en pioneira da renovación pedagóxica, cunha metodoloxía baseada en fundamentos psicopedagóxicos de liberdade e autoactividade das nenas e nenos nun ambiente que favorecía o seu desenvolvemento.

Na igrexa parroquial de San Xurxo da Coruña –preto da praza de María Pita– casaron as mestras Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga o día 8 de xuño de 1901. Que se teña constancia, era o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo no Estado. A historia de Marcela e Elisa é para algúns un dos feitos máis significativos relacionados coa loita feminista en Galiza.

Placa da rúa Marcela e Elisa

Tamén é fundamental visibilizar ante a sociedade a necesidade de derrubar o teito de cristal que sufrimos as mulleres, rachar coa diferenza salarial e coa feminización dos traballos máis precarios.

Placa a María Wonenburger

Nada en Montrove (Oleiros) en 1927, María Wonenburger foi unha muller pioneira, destacada matemática que creou unha importante escola internacional de Álxebra.

Na páxina web A Coruña das Mulleres dise que desde a AC Alexandre Bóveda levamos moito tempo denunciando a exclusión das mulleres do relato histórico e da memoria oficial. Entendemos en ACAB que é necesario construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual que sexa útil para a información, a consulta e a investigación sobre a memoria feminina da cidade da Coruña. Aquí, pois, podemos atopar información sobre a historia das mulleres na Coruña: A Coruña das Mulleres.

Manifestación 8M

Como sinala o manifesto de Galegas8m, temos que organizar a sociedade doutro xeito. Esiximos que sexa unha cuestión política e económica de primeira orde, garantindo o dereito real de todas as persoas a sermos integramente, é dicir, con acceso a recursos, con criterios de xustiza social e desde unha perspectiva feminista. Esiximos o dereito a unha vida digna e feliz para todas as persoas.

VIVA A LOITA DAS MULLERES!

Para saber máis: Galegas 8M

Add a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *